• Nunca debe coller o punteiro pola campá ou o corpo para xiralo ou intentar sacalo xa que é moi doado
quebralo. Unha boa operativa consiste en coller a buxa coa man esquerda e a mesa do punteiro coa man
dereita. Co dedo polgar dereito, exercendo unha presión sobre a buxa, xirar e, á vez, extraer o punteiro
con moito coidado ata o final da cortiza. O dedo polgar dereito debe coordinar as dúas mans para que
o punteiro saia recto e, polo tanto, a palleta non roce os bordos da buxa.
• Teña moito coidado cos golpes e rozaduras, xa que poden contribuír a que rache a madeira á vez que
deterioran o estado xeral do instrumento.
• Comprobe que as palletas e pallóns estean introducidos firme e hermeticamente nos seus asentos.
• Cando inche o fol, procure facelo de modo que introduza a menor cantidade de humidade posible.
Unha vez conseguida a presión necesaria para o funcionamento acústico da gaita, procure mantela
constante con axuda do seu brazo (tempero). Faga un uso razoable do aire almacenado no fol e evite
insuflacións excesivas que só achegarían exceso de humidade. Recorde que o fol é unha reserva de aire
que hai que saber administrar.
• Se algún dos pallóns se para ou a palleta non soa, non force en exceso a presión do fol xa que podería
danalos. É mellor desmontalos e descubrir a causa do mal funcionamento. O pallón vai calibrado para
unha presión media, se se cala, hai que poñer un dedo enriba das abrazadeiras para que non rompan e
levantar a lingüeta forzándoa lixeiramente. Se baixara de ton avanzar a abrazadeira móbil ata dar co
punto de entonación.
• Se vai deixar a gaita sen utilizar por un período prolongado de tempo, desmonte todas as súas pezas
para que, na medida do posible, as cortizas recobren a súa elasticidade inicial. Retire as palletas e
pallóns e procure ventilar o fol para secar ben o seu interior. Unha vez que se asegure de que non hai
humidade, envolva as pezas por separado para evitar que se raien e gárdeas no seu estoxo protector.
• Este hábito de desmontar todas as pezas da gaita sería, mesmo, aconsellable en períodos de dous a tres
días para conseguir unha maior duración das cortizas.
• Non utilice produtos abrasivos para a limpeza da súa gaita. Use sempre a baeta amarela subministrada
para a limpeza xeral da madeira e anelas despois de utilizala.
10